Now Playing Tracks

“Confieso que he vivido” Pablo Neruda

Fisgando entre os libros que hai na miña casa, topeime un bastante cheo de po, coas tapas verdes e as follas amarelentas. Na portada poñía, con letras douradas, “Confieso que he vivido”, e debaixo unha sinatura pouco intelixible que acertei, con dificultade, a descifrar. Era un libro de Pablo Neruda. Nunca lera nada del. O único que sabía era que fora un importante poeta chileno. A poesía nunca foi un dos meus fortes, pero aquilo era (ou parecía) narrativa. Tratábase da súa autobiografía. Decidinme a comezalo, e aquela noite fun para a cama ansioso de ver o que Neruda me tiña que contar.

Antes de comezar, o autor puntualiza que os seus recordos son intermitentes e desdebuxados (loxicamente, pois escribe o libro nos últimos anos da súa vida), e que non garante a total veracidade dos mesmos. Segue unha preciosa metáfora dicindo que a súa vida está feita de outras vidas: as vidas do poeta.

O libro comeza cunha emotiva evocación dos bosques chilenos. Case tan pronto como comecei dinme conta de que iso de narrativa tiña pouco. Pero case sentía a densidade e humidade de selva tropical, a altura da vexetación, a súa riqueza. Neruda fai maxia coas palabras e transporta ao lector ao escenario da súa infancia, describíndoo minuciosamente e facéndoo do propio lector, o cal está alí mesmo vendo ao poeta, de neno. Un rapaz, por certo, introvertido, moi seu, con poucos amigos. Orfo de nai, que morrera de tuberculose cando el tiña un mes, e fillo dun obreiro ferroviario. O tren significa moito para el dende a súa infancia, pois viaxaba nel moi a miúdo, e coñecía distintos lugares, descritos exquisitamente e con moito amor.

Dende esta primeira parte do libro xa aparece o profundo amor de Neruda pola súa patria, Chile, este feito vai ter moita presenza en toda a obra, cando estea viaxando por todo o mundo sempre lembrará e terá ao seu país no corazón.

Logo dalgúns episodios de carácter anecdótico, salpicados coas mencionadas evocacións dos lugares da súa infancia, o xove Neruda terá que ir á cidade, Santiago de Chile, a estudar. Este período da súa vida ten moita importancia, pois coñecerá a escritores e poetas do seu tempo dentro dos círculos culturais e artísticos da cidade, e participará en concursos literarios, realizando  as súas primeiras publicacións.

Todo isto ocorría a principios dos anos 20 do século pasado. Nesta época comeza tamén  o seu contacto coa política e co movemento comunista chileno. En 1924 publica “Veinte poemas de amor y una canción desesperada”, un dos seus libros mais emblemáticos.

O espazo que ocupan os seus anos universitarios no libro é relativamente curto. Cando o poeta remata a carreira de pedagoxía faise diplomático. Esta é unha das partes mais interesantes do libro, pois debido ao seu traballo, viaxa por todo o mundo, coñecendo moitos lugares e persoas interesantes; cada un deles ten un pequeno espazo nas súas memorias. Fascinantes van ser as súas viaxes por Asia, as interesantísimas anécdotas, as descricións de lugares e xentes. Neruda sabe apreciar o bo, o marabilloso,o fascinante de cada sitio sen desprezar nada en favor do seu propio país, que leva sempre no corazón. 

O poeta vai lembrando tamén á xente que pasou pola súa vida (persoas boas,mesquiñas, intelixentes…) non gardando nunca ningún rancor. Simplemente recorda.

Unha pequena pasaxe que me chocou e que reflicte moi ben como escribe e describe Neruda, e que ten certo interese como curiosidade histórica:

“El cónsul alemán Hertz adoraba la plástica moderna, los caballos azules de Franz Marc, las alargadas figuras de Wilhelm Lehmbruck. Era una persona sensitiva y romántica, un judío con siglos de herencia cultural. Le pregunté una vez:

-Y ese Hitler cuyo nombre aparece de cuando en cuando en los diarios, esa cabecilla antisemita y anticomunista, no cree usted que pueda llegar al poder?

-Imposible- me dijo

-Cómo imposible, cuando todo lo más absurdo se ve en la historia?

-Es que usted no conoce Alemania- sentenció- .Allí si que es totalmente imposible que un agitador loco como ése pueda gobernar siquiera en una aldea.

Pobre amigo mío, pobre cónsul Hertz! Aquel agitador loco por poco no gobernó al mundo. Y el ingenuo Hertz debe haber terminado en una anónima y monstruosa cámara de gas, con toda su cultura y su noble romanticismo”

España ocupa un amplo espazo nas memorias de Neruda. O poeta sempre sentiu unha conexión especial con este país no que foi cónsul en Madrid e Barcelona. Teño que dicir tamén que hai unha pasaxe adicada a Galicia, mencionando a cidade de Santiago de Compostela.

Na capital española fixo moi bos amigos e coñeceu a importantísimos poetas españois da xeración do 27 ( Rafael Alberti, Miguel Hernández, Vicente Aleixandre.) e incluso a Valle Inclán, dedicándolles a cada un cadanseu episodio no seu libro.

Pero a quen lle dedica mais espazo é a García Lorca, de quen foi íntimo amigo e con quen pasou moitas peripecias. Hai dous episodios especialmente emotivos e tristes nas memorias de Pablo Neruda: ao final do libro, do que falarei mais adiante, e o asasinato de García Lorca. Despois de describilo como unha das mellores persoas que coñeceu, relata como recibiu a noticia da súa morte e dedica un extenso e emotivo pasaxe a eloxiar o seu amigo falecido, onde reflexiona tamén sobre a brutaldade da Guerra Civil..

A Guerra Civil colleu a Pablo Neruda en España, non fai falta dicir de que bando estivo dende o principio. Cando a guerra se estaba perdendo, desprazouse a París, xunto con moitos outros escritores, poetas e artistas que apoiaron á República dende esta cidade. Alí, o poeta, como diplomático que era, foi de gran axuda para os exiliados españois dándolles desprazamento e refuxio en Chile, salvando moitas vidas

Desde a súa chegada a España e a súa implicación na Guerra Civil, Pablo Neruda xa se acabara de definir completamente como comunista. Despois viaxa a México, China, URSS e Cuba. En Rusia viu a Stalin unha soa vez, nun dos seus discursos, e no seu libro descríbeo como un ditador que mancha o nome do comunismo. Reflexiona aquí sobre o sinsentido dos totalitarismos e a idea de liberdade relacionada cos seus ideais. En Cuba, chegou a oír o primeiro discurso de Fidel Castro, a quen admiraba naqueles tempos, e con quen estaba moi entusiasmado porque o soño comunista por fin se ía cumprir. Non obstante, xa no tempo no que escribe o libro, fai unha reflexión sobre o ditador e os seus métodos, e describe como o soño se foi disipando a medida que pasaron os anos. Tamén se entrevistou co Che Guevara, a quen admira profundamente, mais critica o seu uso da violencia.

Neruda escribiu as súas memorias nos anos finais da súa vida, o final do libro escribiuno unha semana antes da súa morte. A última parte adícalla ao presidente Salvador Allende.  Gran amigo do poeta, Allende era a grande esperanza de levar o comunismo á democracia, de transformar a sociedade legal e progresivamente para alcanzar un mundo xusto. Neruda meteuse de cheo na campaña de Allende, viaxou ata os lugares mais remotos de Chile a pedir o voto por el, recitando os seus poemas. Finalmente o Partido Comunista gaña as eleccións. Neruda describe a euforia que sentiron e fai un balance das políticas do presidente.

Neses tempos recibe o premio Nobel de Literatura e viaxa a Estocolmo a recollelo. Cando volve, describe como a dereita e a ultradereita se mobilizaron a partir da Nacionalización do Cobre, e como aumentaba a tensión política. Finalmente, como todos coñecemos, Pinochet deu un Golpe de Estado, e Allende morreu, aínda, hoxe en día, non se sabe moi ben como.

Para acabar as súas memorias e a súa vida, Neruda fai unha emotiva despedida do seu amigo, lamentándose de que, unha vez mais, o soño non chegara a realizarse, e de que un totalitarismo volvera a ocupar o poder. Non volveu a saír da súa casa nin da illa na que vivía. As últimas liñas escribiunas unha semana antes da súa morte.

Despois dunhas semanas lendo este fascinante libro, cheguei ao triste final, e ao acabalo non puiden evitar pensar que estivera lendo unha marabillosa crónica de acontecementos históricos que marcaron o século pasado de primeira man dun dos personaxes mais interesantes do propio século.

Falar de Neruda é falar de un dos maiores poetas do século XX. É falar de poesía comprometida. De coherencia. Dunha beleza lírica incomparable. Dunha vida apaixoante que constitúe unha das maiores testemuñas da historia do século pasado. É falar, en definitiva, dun marabilloso libro, o cal aproveito para recomendar para calquera que queira pasar uns momentos marabillosos lendo.

To Tumblr, Love Pixel Union